A pé, en bicicleta, en barco, en kaiak, a cabalo… De día, respirando aire puro; de noite, vendo as estrelas e escoitando o son do silencio… Polo monte, pola cidade, pola ría… No presente, polo pasado… Olfacteando flores, degustando albariño… Aprendendo a colleitar marisco, observando como se fai conserva… Alguén dá máis? Pois saiba que en Vilagarcía temos máis de vinte propostas para realizar unha ruta, xa sexa de forma autónoma, xa sexa acompañado por un guía. A decisión, sabémolo, non será fácil.
Para introducirse no pasado e presente da cidade, nada mellor que facelo coa ruta histórica, que lle levará por rúas e prazas. Verá restos arqueolóxicos, un pazo, un convento e unha igrexa catalogados como monumento nacional… pero tamén o que queda do antigo barrio pesqueiro, edificios singulares do século XIX e principios do XX, e tamén algúns xardíns con árbores centenarias. Se quere profundar un pouco máis tamén poderá visitar o Castro de Alobre, un dos máis importantes do Noroeste peninsular, e seguir unha singular ruta dos cruceiros que lle levará pola Vilagarcía menos coñecida.
Apreciar Vilagarcía e a súa ría desde o mar é outra posibilidade. Pode obter unha visión xeral a través dunha ruta en barco e ou ben nun galeón de época. Igualmente, pode coñecer de primeira man a pesca da anguía e da lamprea, ademais de achegarse ás bateas de mexillón e aos viveiros de ameixas e berberechos, coa vantaxe de que, neste caso, poderá practicar este vello oficio da man de expertas mariscadoras.
E, por suposto, poderá deixarse levar pola maxia da illa de Cortegada (Parque Nacional das Illas Atlánticas): o seu antigo poboado mariñeiro, a capela, un carreiro que atravesa bosques de loureiros, carballos e eucaliptos, os seus idílicas calas e, por suposto, as súas lendas.
As rutas enogastronómicas son outra boa opción para aprehender Vilagarcía. Visitar unha adega familiar ou unha conserveira tradicional, participar nunha ruta das tapas ou darse un paseo entre viñedos e camelias para logo visitar o pazo e a adega de Rubiáns son catro posibilidades a cada cal máis atractiva.
Por fin, tamén cabe gozar da cidade desde un punto de vista máis espiritual. En Vilagarcía fundouse a Ruta Fluvial Xacobea do Mar de Arousa e Río Ulla, que rememora o primixenio viaxe do Apóstolo Santiago desde Xerusalén a Compostela, e por iso é posible repetir aquel periplo pero non na lendaria barca de pedra senón nun cómodo catamarán, remontando o río e pasando polas Torres de Oeste, outrora “chave e selo de Galicia” contra as invasións normandas.
A Ruta do Pai Sarmiento é o outro “camiño de Santiago” que atravesa Vilagarcía, neste caso, como unha etapa máis da ruta que comeza en Pontevedra e, seguindo toda a costa, chega ata Padrón, onde enlaza co Camiño Portugués que leva a Compostela.
En resumo, o menú de rutas por e desde Vilagarcía contén ata vinte propostas. Na súa man está elixir cal ou cales máis lle gustan. Pero escolla a que escolla, pode ter por seguro de que irá polo bo camiño.