Vilagarcía, capital da Ría de Arousa e porto natural de Santiago de Compostela, conta cunha poboación duns 38.000 habitantes, o que a converte na oitava cidade de Galicia.
É un lugar con características diferenciais. Non en balde, poucas cidades poden ofrecer unha situación e un clima como o que goza Vilagarcía, a beiras do mar e sen temperaturas extremas, e ademais, porto de interese xeral, estación do ferrocarril, acceso directo á autoestrada, dous aeroportos a pouco máis de media hora de camiño, hospital, recinto feiral, auditorio, un rico patrimonio histórico-artístico, unha gastronomía na elite galega, comercio tradicional e franquías internacionais, praias que reciben asiduamente a bandeira azul, porto deportivo, paseo marítimo, complexo polideportivo que inclúe piscina, spa e estadio de atletismo, festas de interese turístico nacional e unha ampla e variada oferta lúdica, cultural e deportiva.
Por todas estas razóns, Vilagarcía de Arousa é un lugar ideal para vivir tranquilamente, con todos os servizos dunha cidade sen os abafos desta e a posibilidade de gozar da oferta lúdica dos principais concellos galegos sen necesidade de grandes desprazamentos. En definitiva, un lugar con calidade de vida.
Vilagarcía forma parte de dúas realidades xeográficas distintas pero complementarias: o Val do Salnés e a Ría de Arousa.
Os petróglifos de Os Ballotes e Meadelo, en Bamio, e os castros de Alobre, Carril, Agudín e Lobeira, así como os numerosos restos da civilización romana, demostran un poboamento continuo desta privilexiada porción do litoral galaico.
A primeira referencia documental a Vilagarcía data do ano 912, cando o bispo Sisnando cede a antiga Arealonga ao Mosteiro de San Martín Pinario. Durante centurias, os monxes composteláns exerceron o seu dominio, ata que no século XV unha familia de fidalgos, os Caamaño, fundou o que sería e é “o porto e vila de Vilagarcía”.
O século XVII foi un momento de esplendor, coa figura de Fernando de Andrade e Soutomaior, descendente dos fundadores e arcebispo de Santiago. Con él, Vilagarcía logrou o Marquesado, cuxo primeiro titular foi o seu irmán, Mauro de Mendoza. Despois, un neto deste, Antonio José de Mendoza e Sotomayor, III marqués e vicerrei do Perú, conseguiría a concesión dun mercado franco que aínda hoxe se celebra.
O século XIX foi o da consolidación de Vilagarcía como porto e vila cabeceira de Arousa e O Salnés. En 1808 foi a primeira cidade de Galicia en levantarse contra a dominación francesa, polo que foi duramente reprimida. Este feito obrigou á súa reconstrución e a mirar ao porto como motor de futuro.
En 1907, a puxante Vilagarcía converteuse nunha referencia para Galicia, tras a cesión da illa de Cortegada ao rei Alfonso XIII a fin de que nela construíse un palacio real de verán. Seis anos despois, en 1913, os concellos entón independentes de Carril, Vilaxoán e Vilagarcía uníronse para converterse na actual Vilagarcía de Arousa, unha cidade aberta e mestiza, que lidera unha das comarcas con maior proxección de Galicia.