Levantado no século XV por unha familia de fidalgos con solar en Noia –os Caamaño-, sobre unha antiga torre fortaleza do século XII e logo moi modificado no XVIII, o actual pazo de Rubiáns é testemuña muda da historia da cidade e hoxe un estandarte do turismo enolóxico e botánico non só en Galicia senón tamén en España.
A un daqueles Caamaño, don García, debemos a creación da actual cidade a mediados do século XV, cando se fundaron outras vilas e portos no litoral galego. Non sen oposición do Mosteiro de San Martín Pinario, co que mantivo varios preitos polos dominios destas terras, don García estableceu unha franquía cos “moradores” e os “probadores” que entón se asentaban ao porto, aos que eximiu de determinados impostos a cambio de que se fixasen a poboación, como así foi.
Desde entón, a nacente vila seguiu o seu camiño, durante séculos a expensas do Marquesado de Villagarcía, creado polos Mendoza e Sotomayor, descendentes dos Caamaño. E mentres, o pazo de Rubiáns continuou a súa andaina ata converterse no que é hoxe, un edificio que, tras a reconstrución do século XVIII, máis ben lembra a un chateaux francés que a un pazo galego.
Con todo, segue conservando as súas cortes para cabalos e demais animais, a súa adega e a súa capela, que si son as orixinais do século XVI, aínda que hoxe readaptadas, especialmente as tres primeiras, ao centro de enoturismo no que se converteu.
Tras as reconstruccións do s. XVII recorda máis a un chateaux francés que a un pazo galego
Acomodándose aos novos tempos, o pazo non só permite as visitas, incluídas as dalgúns espazos interiores, senón que facilita a celebración dos máis diversos eventos. Conta con adega e tenda na que se poden adquirir desde viños a produtos cosméticos derivados da camelia. Porque aquí áchase o outro aliciente do pazo de Rubiáns: o seu xardín histórico. Non en balde, foi o primeiro de Galicia en obter o galardón de Excelencia Internacional da Camelia.
Un paseo polo xardín é un imprescindible non só do turismo en Vilagarcía senón en Galicia. Xunto a enormes eucaliptos, magnolios, calocedros, criptomerias ou alcanfores, carreiros e macizos de estilo francés convídannos a deixarnos cegar polos máis 4.500 exemplares de camelia.
E ao redor de todo o recinto, unha vasta extensión de viñedo (nada menos que 25 hectáreas) nunha paraxe envexable para a produción dun viño: chans graníticos pouco profundos nunha ladeira orientada ao sur. O resultado: uns viños “de pago” (“Pazo de Rubianes” e “García de Caamaño”) e mesmo “de parcela” (o denominado “1411”, en recordo da data de construción do pazo), que recibiron numerosos recoñecementos.