Camiños de Santiago

Vilagarcia Turismo > Experiencias > Camiños de Santiago

Conta a lenda...

Se convimos que todos os camiños conducen a Roma, haberá que admitir tamén que, polo menos en Galicia, todos os carreiros lévannos a Santiago. Vilagarcía, porto natural de Compostela, non é alleo a este feito. Mesmo máis: para que existise o Camiño, primeiro foi necesario que os restos do Apóstolo chegasen a Santiago. E para facelo, conta a lenda, fíxoo nunha barca de pedra que na súa longa peregrinaxe desde Jaffa, en Xerusalén, abordou o seu último tramo remontando a ría de Arousa e o río Ulla ata chegar a Padrón, onde se acha, segundo a mesma lenda, o Pedrón de Ouro ao que ataron a barca do Apóstolo.

Ruta Fluvial do Mar de Arousa e Río Ulla

Foi unha iniciativa vilagarciá, nos anos 60 do século XX, a que reivindicou ese primeiro “camiño”. E de aí naceu a Ruta Fluvial do Mar de Arousa e Río Ulla. Desde entón, cada ano polo mes de xullo, un grupo de barcos saen desde distintos puntos da ría, Vilagarcía incluída, para rememorar esa última singradura de Santiago. Unha viaxe que vale a pena realizar pola beleza da paisaxe que o anima: desde a illa de Cortegada, parque nacional, ás Torres de Oeste, en Catoira, “chave e selo de Galicia” na época das invasións normandas, pasando polo vía crucis pétreo (en total, 17 cruceiros) que adorna boa parte desa unión de ría e río e marca a senda que seguiu o discípulo de Xesús. Con todo, para rememorar a “traslatio” e, por tanto, esa lenda, non fai falta esperar a xullo: varias empresas locais ofrecen a posibilidade de realizar esa viaxe en calquera momento do ano.

Padre Sarmiento

Posto que todos os camiños conducen a Santiago, en Vilagarcía aínda hai dúas posibilidades máis. Unha é a denominada do Pai Sarmiento. Trátase dun trazado que, partindo da capital provincial, percorre todos os pobos costeiros das rías de Pontevedra e Arousa, lembrando o camiño que realizou o famoso erudito benedictino en 1745 para gañar o xubileu. Trátase dun carreiro de máis de 170 quilómetros que, en sucesivas etapas, chega a Padrón para, desde alí, enlazar co Camiño Portugués e continuar ata Compostela.

Variante espiritual

A terceira posibilidade é seguir a denominada “Variante espiritual”, que vén ser unha mestura das dous anteriores: parte de Pontevedra para, seguindo unha parte da costa, atravesar todo o Val do Salnés e chegar a Vilanova de Arousa, onde os peregrinos sóbense a un barco e desde este porto continúan o traxecto por mar e río ata Padrón. Unha vez alí incorpóranse ao Camiño Portugués.

X