Turismo familiar

Vilagarcia Turismo > Experiencias > Turismo familiar

Aventuras cotiás

Chegar a unha illa en zodiac e percorrela ata descubrir unha árbore comepedras? Contemplar o río e a ría dende o alto dun monte? Aprender a colleitar ameixas e berberechos da man e as mans de expertas mariscadoras? Mergullarnos na prehistoria percorrendo un antigo castro? Aloxarse nun pazo con piscina ou nun cámping a pé de praia fluvial? Tomarse un xeado vendo a ría de Arousa? Todo isto, e moito máis, é o que ofrece Vilagarcía como destino vacacional para familias.

Pola súa privilexiada posición na costa atlántica, a medio camiño entre Vigo e A Coruña, e sendo praia e porto de Compostela, non fan falta moitas máis explicacións sobre a facilidade non xa para chegar á cidade senón para desprazarse despois

A hostalería está ben preparada para recibir ás familias, tanto en aloxamento como en gastronomía, con prezos e menús para todos os gustos e petos.

Para os que gozan de viaxar en caravana a cidade pon á súa disposición un aparcamento gratuíto con vixilancia e servizos para limpeza e reposición de auga.

E, unha vez acomodados, comeza a aventura. O máis recomendable para empezar quizá sexa deixarse levar pola cidade, a través da ruta histórica. E a partir de aí, todo consiste en decidirse. E non será fácil. Se o que se busca é o contacto coa natureza, grandes e pequenos pasarano moi ben con calquera das propostas. O máis próximo, o parque botánico de Valdés Bermejo e o seu contiguo Castro de Alobre, toda unha invitación a viaxar ao pasado. De similares características, combinando medioambiente e patrimonio histórico, é outra visita moi recomendable para gozar en familia: o pazo de Rubiáns, xardín de excelencia internacional da Camelia e prototipo de construción señorial que naceu na época medieval para converterse séculos despois nun palacete de estilo francés.

Pero hai máis: ben desde Vilagarcía, ben desde Carril, poderán coñecer a ría en barco ou nun vello galeón, navegando entre bateas e golfiños, cando toca. Igualmente, visitar a illa de Cortegada, incluída no Parque Nacional das Illas Atlánticas, tanto de día (deixándose levar pola maxia do bosque de loureiro e as vellas lendas) como de noite (gozando e interpretando o ceo estrelado). Poderán, así mesmo, percorrer os montes que bordean a cidade, sexa a pé, sexa en bicicleta (que se pode alugar), e descubrirán dous vales, dúas provincias e unha ría e un río que se funden no seu abrazo a Cortegada.

Por suposto, sendo un histórico centro vacacional e “mar de Compostela”, os areais non poden faltar no menú familiar. Dous deles, os do Preguntoiro, en Vilaxoán, ao sur, e de Campanario, en Bamio, ao norte, gozan de bandeira azul. Con todo, os máis utilizados son os da Concha-A Compostela, que aínda sen contar con ese distintivo, ofrecen todos os servizos: socorrismo, duchas, áreas de descanso, etcétera, todo ao pé dun paseo marítimo que une as vilas de Vilagarcía e Carril ao longo de case dous quilómetros de percorrido afastado de calquera presenza de coches.

Por último, e dentro da extensa oferta familiar, non debemos esquecer as actividades de lecer que se programan baixo cuberto –o Auditorio, o Salón García, as 7 salas de cinema– e na rúa. Claro que, neste caso, dependerá da que época en que nos visiten. Se é verán, hai tres citas ineludibles para que grandes e pequenos compartan e compitan en recordos: a festa da auga, o certame internacional de Festiclown e o centenario festival pirotécnico do Combate Naval. Se é inverno, a súa cita está en Fexturrón, unha feira de lecer que inclúe pista e tobogán de xeo, autos de choque, carruseis e unha infinidade de actividades, todo a prezos familiares.

X