Ruta Histórica

Vilagarcia Turismo > Imprescindibles > Ruta Histórica

De Castro a Vila

Aínda que Vilagarcía de Arousa é unha cidade relativamente moderna –a súa actual configuración xestouse fundamentalmente na segunda metade do século XX- non por iso deixa de gardar recunchos que reflicten o seu enorme pasado –fundouse a mediados do século XV-.

A isto hai que engadir un feito diferencial que a distingue doutros municipios: en realidade, Vilagarcía de Arousa é un 3×1, pois non foi ata 1913, fai apenas cen anos, cando se uniron tres antigos municipios –Carril, Vilagarcía e Vilaxoán- para conformar o actual, sobre unha base xeográfica de inequívoca evocación medieval: Arealonga, a “area longa”.

Entre finais do XIX e XX chegaríase a coñecer como a “Concha de Arousa”, en claro paralelismo coa baía de San Sebastián, á que chegou a disputar o seu posto como centro de veraneo da realeza. O resultado de todo ese proceso está hoxe á vista: tres vilas, tres portos, case tres formas de ser. E iso merece a pena coñecelo.

A Ruta Histórica convírtese nun imprescindible para imbuirse do significaco que ten hoxe Vilagarcía de Arousa. 

1. Praza de Ravella > 2. Independencia

A través de once paradas e catorce paneis, o viaxeiro poderá camiñar por rúas e prazas hoxe peonís. Comezará, se quere, pola praza de Ravella, onde está unha casa consistorial levantada a finais do século XIX emulando aos vellos palacetes franceses. En fronte, un xardín tamén centenario con plátanos de gran porte. Sempre a pé, a ruta continúa ata a praza da Independencia, a antiga praza do Mercado e sede no seu día do rolo xurisdicional ou picota, que nos lembra que nese mesmo lugar o pobo de Vilagarcía foi o primeiro de Galicia en levantarse contra a invasión francesa, en 1808.

3. Praza de España > 4. Vistalegre

A continuación, a praza de España, igualmente con árbores centenarias e fronte á igrexa parroquial, desde onde saía unha ponte de pedra –hoxe convertida en rúa peonil- que unía o templo co conxunto de Vistalegre, declarado monumento histórico e formado por un convento, unha igrexa e un pazo que viron nacer a un arcebispo de Santiago e un vicerrei do Perú.

5. Castro Alobre > 6. Xardín Botánico

Desde aquí e un agradable paseo chégase ao Castro de Alobre, berce da cidade e un dos xacementos arqueolóxicos máis importantes do Noroeste peninsular. Na súa saia áchase o parque botánico de Enrique Valdés Bermejo, creado nos anos 30 do século XX polo duque de Terranova, que fixo traer especies de varios países do mundo.

7. Praza de Abastos > 8. O Castro

Desde o parque seguimos cara á praza de abastos, un singular edificio de 1929, exemplo da arquitectura rexionalista de entón, situado ao pé do río e enfronte do pazo de Vistalegre. A praza é visita obrigada para os sentidos. Mar e montaña en estado puro. Despois, e a un paso, o antigo e orixinario Barrio do Castro, chamado así pola súa proximidade a Alobre e porque aí estivo a orixe da vila, cando o fundador, García de Caamaño, a mediados do século XV axudou aos pescadores para construír as súas primeiras casas para asentar a poboación, dando así lugar a Vila-García.

9. Praza de la Pescadería 

Aquí aínda se poden ver algúns exemplos característicos da arquitectura dos pescadores, as chamadas casas “do pincho”. Moi preto, case como non podía ser menos, a Praza da Peixería, un notable edificio da arquitectura do ferro do século XIX, que hoxe acolle os máis diversos eventos culturais, ademais da oficina de turismo.

10. Alameda > 11. Baldosa/ V. Viqueira

Pouco despois, a Alameda, o lugar de encontro por excelencia e símbolo do que foi outra Vilagarcía pegada ao mar. E desde a Alameda, case sen solución de continuidade, as rúas de Valentín Viqueira (a antiga rúa do Comercio) e A Baldosa (outrora, a praza da Verdura), hoxe cheas de establecementos hostaleiros e as súas correspondentes terrazas. Dous lugares para ver e ser vistos e digno colofón a unha ruta que nos levará polo onte e hoxe da cidade.

X