Visitar Galicia é sempre unha sabia decisión. E para facelo, que mellor que situarse no centro, no medio do eixo A Coruña-Vigo, na costa, preto de todo, nunha cidade con vistas á maior das rías, na praia de Compostela: en Vilagarcía, unha cidade á que se pode chegar por autoestrada ou estrada, por ferrocarril ou por avión (dous aeroportos internacionais a 50 minutos) e ata en barco. En definitiva, por terra, por mar ou por aire, Vilagarcía está aquí para acollerlle.
Se optamos polo ferrocarril, farémolo a través da liña máis utilizada de Galicia, a que une A Coruña e Vigo.
Se, en cambio, chegamos en coche, as opcións son varias.
En primeiro lugar, a autoestrada AP-9 (A Coruña-Vigo).
En segundo termo, as estradas nacionais: a N-640, que une o centro de Galicia (Lalín) coa nosa cidade a través de Caldas de Reis; e as PO-548 e PO-549, que percorren a costa.
Para desprazarse pola comarca do Salnés, a mellor opción é a VG-4.3, que, tras enlazar con Vilanova e Cambados, conecta coa AG-4.1 que leva a Sanxenxo e O Grove cara ao sur, e Barro e Pontevedra, cara ao norte.
Pode facerse nalgún dos cruceiros que, desde abril e ata outubro, fan escala no porto de Vilagarcía, ou ben de forma particular, gozando das excelentes condicións para a navegación que ofrece a ría de Arousa e dunha mariña que está entre as mellores da comunidade autónoma.
A última alternativa é acceder á comarca por aire, utilizando os aeroportos de Santiago (Lavacolla) ou de Vigo (Peinador). O primeiro está a unha distancia de 50 quilómetros do municipio de Vilagarcía, mentres que o segundo áchase a aproximadamente 60 quilómetros. Desde calquera dos dous pódese acceder facilmente á autoestrada AP-9 e desde esta, a Vilagarcía de Arousa.
Como consecuencia da política de humanización do centro urbano, algunhas rúas están peonalizadas e outras están afectadas pola denominada “zona azul”, o que implica que o estacionamento está limitado a unha hora. Con todo, existen aparcadoiros públicos e privados que farán máis rápido e cómodo o seu achegamento á cidade.
Todos libres e sen vixilancia:
Para a utilización destas prazas gratuítas é necesario contar cun disco-horario. Pode adquirirse en estancos ou a través da asociación de comerciantes Zona Aberta.
Nun lugar privilexiado, no recinto feiral de Fexdega, a escasos tres minutos do centro urbano, áchase esta área exclusiva para autocaravanas, con aparcadoiro reservado e gratuíto para dez vehículos. Accédese desde a avenida de Rodrigo de Mendoza ou as rúas Nogueira e Limoeiro, que bordean o recinto feiral. A área conta cunha plataforma de servizo para que os usuarios poidan tratar convenientemente as augas residuais; igualmente dispoñen de subministración, tamén gratuíta, de auga potable. Todo o recinto está dotado de cámaras de seguridade. O estacionamento está aberto durante todo o ano, pero aínda que é libre está limitado a un máximo de tres días para facilitar a rotación de usuarios.
Para facilitar a súa estancia, Vilagarcía ofrece ao viaxeiro unha oficina de información turística municipal. Áchase na antiga praza da Peixaría, un inconfundible edificio de ferro e pedra situado a escasos metros da Alameda. Desde 2017, a oficina conta coa etiqueta Sicted (Sistema Integral de Calidade Turística en Destino), o que recoñece o esforzo e o compromiso coa calidade e a mellora continua do servizo de información.
Horario:
Aberta todo o ano, salvo 1 e 6 de xaneiro, 16 agosto e 24, 25 e 31 de decembro.
De luns a venres: de 10:00 a 14:00 e de 16:30 a 19:30 horas.
Sábados de 11:00 a 14:00 e de 16:30 a 19:30 horas.
Domingos e festivos: de 11:00 a 14:00 horas.
Festivos de Semana Santa: de 11:00 a 14:00 e de 16:30 a 19:30.
T. 647 78 34 69 e 986 50 12 2
oficinaturismo@vilagarcia.gal