Feiras e certames

Vivirla para conocerla, visitar

Fexdega

Pioneira das feiras multisectoriais na comunidade autónoma, Fexdega (Feiras e Exposicións para o Desenvolvemento de Galicia) fundouse no ano 1967. Desde 2001 conta cun recinto estable na Maroma, que acolle ao cabo do ano diversas mostras monográficas (automoción, lecer infantil, gastronomía, náutica, casa, rebaixas, etcétera) e eventos culturais e deportivos de carácter nacional e internacional.

 www.fexdega.es

Concurso exposición internacional da Camelia

O certame de exaltación desta especie floral, identificativa das Rías Baixas, ten lugar cada ano e de xeito rotatorio nos municipios de Vilagarcía, Pontevedra e Vigo, normalmente no mes de marzo. Na competición participan floricultores de toda Galicia, e especialmente das Rías Baixas. Paralelamente celébranse outras actividades, como un concurso e exposición fotográfica ao redor da camelia, visitas guiadas ao pazo de Rubiáns ou desfiles de moda.

“Achégate ao Salón”

Consiste nun programa de concertos matinais e de pequeno formato, dirixidos a un público familiar que quere gozar da música en vivo e en directo. Realízase un domingo de cada mes durante febreiro, marzo e abril, no Salón García. As entradas teñen prezos populares.

Clasclás

Este Festival Internacional de Música Clásica non só reúne a un gran grupo de artistas internacionais, senón que estes convértense en mentores para alumnos coidadosamente seleccionados de varios países do mundo. Os concertos celébranse entre a última semana de xuño e a primeira de xullo no Auditorio, o Salón García e outros espazos emblemáticos, como os pazos da Golpelleira e Rubiáns e o conxunto histórico monumental de Vistalegre.

www.clasclas.com

Vilablues

Este Festival Internacional de Música transforma a Vilagarcía, durante parte do mes de xullo, na capital galega do blues. Os concertos, todos gratuítos, que reúnen a un gran número de artistas de renome internacional, compleméntanse con outras actividades como jam sessions, master classes e ata unha romaría, que converten ao Vilablues nunha experiencia única para os amantes deste xénero.

Feira de Tapas

A Feira de Tapas, organizada pola Asociación de Hostaleiros, é unha cita ineludible para gozar da gastronomía máis creativa da vila. O Parque Miguel Hernández acolle en setembro este evento no que, por un prezo fixo, o visitante pode degustar unha suxestiva variedade de petiscos acompañado de actuacións musicais, showcookings e actividades para os máis pequenos.

Castes

A Feira Independente do Viño de Vilagarcía celébrase durante o mes de novembro e diríxese tanto a profesionais como a particulares. É o lugar de encontro ideal entre viticultores, adegueiros e afeccionados ao mundo do viño. Máis de 40 pequenas adegas participan neste evento. A través dun “túnel do viño” os visitantes viaxarán co padal por toda Galicia, España e varios países Europeos.

Ágora Vermú

O Ágora Vermú naceu coa idea de rescatar a tradición do século pasado de concertos matutinos da Banda de Música os domingos na rúa. Mantendo ese espírito, pero modernizado coa incorporación de diversos grupos musicais e estilos, xurdiu esta iniciativa musical que se pode gozar en distintas rúas e prazas peonís da cidade durante os meses de maio e xuño, mentres se goza dun aperitivo.

X