Para chegar a coñecer, incluso comprender, en toda a súa plenitude Vilagarcía e Arousa, facer unha ruta do mar é -máis que imprescindible- case unha obriga. A natureza e a tradición así o esixen. E agora sabrá o porqué…
En Vilagarcía áchase un dos clubs náuticos máis antigos de España, o Real Club Náutico Galicia, apadriñado no seu día polo rei Alfonso XIII, pero tamén o Centro de Tecnificación de Vela de Galicia, que conta entre os seus monitores con campións olímpicos, europeos e nacionais. En Vilagarcía naceron as primeiras bateas de mexillón, aquí está o Consello Regulador da súa Denominación de Orixe, e o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia. Igualmente, un centro referente do kitesurf en Galicia. Se a isto engadimos que aquí se fundou a Ruta Fluvial Xacobea do Mar de Arousa e Río Ulla e que aquí, tamén, áchanse os viveiros da afamada Ameixa de Carril e, igualmente, a illa de Cortegada, integrada no Parque Nacional das Illas Atlánticas, facer unha ruta do mar, máis que “ imprescindible” é case unha obriga se se quere chegar a coñecer, mesmo comprender, Vilagarcía e Arousa con plenitude.
Por suposto, pode facer esas rutas polos seus propios medios, pero o ideal é que se deixe levar e guiar por calquera das empresas locais que ofrecen unha carta de servizos inmellorable.
Así, poderá coñecer a ría nunha embarcación, gozando dunha apracible travesía vendo bateas, illotes e, moi probablemente, golfiños.
Hai rutas específicas para coñecer de preto o cultivo do mexillón, pero tamén a pesca da anguía ou a lamprea no río Ulla, ou as artes de baixura en Arousa Norte e Sur.
Evidentemente, un dos destinos con máis variada oferta é o da illa de Cortegada. Poderá seguir un itinerario interpretativo, pero tamén poderá visitala de noite (forma parte do programa Starlight) para gozar do son do silencio e do ceo, localizando estrelas e constelacións. Igualmente, poderá combinar a visita á illa con outras, como unha conserveira artesanal, un pazo con adega e xardín histórico ou mesmo cun percorrido pola mesma ría.
Outra alternativa para mergullarse no mundo do mar, pero neste caso do sector produtivo é realizar a Ruta Marisqueira. Da man de expertas traballadoras do mar de Carril, vostede poderá converterse en mariscador/a por un día, extraendo ameixas e berberechos, coñecendo as artes e os métodos que se utilizan, e descubrindo cal é o proceso de comercialización, para o que pode complementar esa ruta cunha visita á lonxa de Carril.
En Vilagarcía tamén é posible saír a mergullar na ría e para iso dúas empresas ofrecen os seus servizos, tanto de traslado como de monitoraxe. Igualmente, e se lle gustan os deportes náuticos, pero no superficie, tamén pode iniciarse no mundo do kitesurf, para o que existe unha escola pioneira en Galicia e en España na praia de Bamio.
Outra forma de coñecer a ría, pero neste caso cun compoñente máis espiritual, consiste en realizar a Ruta Fluvial Xacobea do Mar de Arousa e o Río Ulla, unha iniciativa que rememora a “traslatio”, é dicir, o Camiño que deu lugar a todos os demais de Santiago: a translación do corpo do Apóstolo desde Xerusalén ata Compostela a través da ría de Arousa e remontando o río Ulla ata Padrón, onde, segundo a lenda, os discípulos de Santiago ataron a súa barca de pedra ao Pedrón de Ouro antes de seguir camiño ata o Campus Stellae. En xullo celébrase un remonte oficial e gratuíto (previa inscrición), pero tamén é posible realizar esta ruta en calquera momento do ano, acudindo para iso a calquera das empresas que o organizan.
Lembre, por último, que tamén ten a posibilidade de alugar kaiaks ou mesmo embarcacións, con e sen patrón, para gozar ao seu aire de todas as posibilidades que ofrece o Mar de Arousa.
Escolla a opción que elixa, do río á ría, da ría ao río, comprobará que poucos lugares ofrecen tanto en tan pouco espazo.