Parques e xardíns

Vivirla para conocerla, visitar

Vilagarcía dispón dun bo número de parques e xardíns que a converten nunha cidade humana, agradable e na que resulta fácil vivir. Na nosa cidade, o viaxeiro poderá optar por xardíns urbanos, xunto ao mar, pero tamén de parques fluviais, ligados á tradición agrícola, e mesmo de xardíns botánicos, froito da paixón dun aristócrata que durante anos reuniu especies de todo o mundo.

Parque de Miguel Hernández

Creado en 2002, sobre un antigo recheo portuario que, á súa vez, serviu de recinto feiral, o parque dedicado ao poeta da liberdade ten unha superficie de 18.000 metros cadrados. Distribuído en varias zonas (bosque, camelias, pradería…) en todas é posible atopar poemas xa clásicos de Miguel Hernández, o que dá un valor engadido a este parque situado a medio camiño entre a avenida da Mariña e a zona lúdica do porto deportivo. Conta cun carril bici que bordea todo o seu perímetro e un dos parques infantís máis concorridos do centro con dúas zonas diferenciadas, unha de 0-6 anos e outra de 6-12, ademais de randeeiras adaptadas.

Xardín botánico “Enrique Valdés Bermejo”

Cunha extensión de 12.000 metros cadrados, é o de maior riqueza do municipio. A súa orixe data dos anos 30 do século XX, cando os duques de Terranova decidiron converter parte da súa leira particular nun xardín con gran variedade de especies exóticas, que chegaron a Vilagarcía a través do porto. Algúns dos seus exemplares, de gran porte, están rexistrados como únicos polo Centro de Investigacións Forestais de Lourizán (Pontevedra). Un regato, escaleiras de pedra, un muíño, bancos… todo iso dota ao lugar dun encanto especial. O xardín é tamén coñecido como “O Castriño” por acharse ao pé do Castro de Alobre, berce da actual Vilagarcía.

Visitar Vilagarcía, parques y jardines

Parque de Compostela

Situado ao pé do areal do mesmo nome, a súa orixe data tamén do primeiro terzo do século XX, cando o Concello adquiriuno a un particular para servir de complemento á praia de Compostela. Pechado por un característico enreixado de ferro, no seu interior áchanse árbores de gran envergadura, xunto a zonas de céspede e un espazo dedicado aos xogos infantís de 0 a 12 anos.

Parque fluvial do Río do Con

Situado na zona da Florida, un antigo priorado ligado ao Mosteiro de San Martín Pinario de Santiago, este parque conxuga natureza e historia a partes iguais. Natureza, porque discorre a ambas as marxes dun río, con paseos, zonas cubertas de xogos infantís de 6 a 12 anos, e mesas. E historia, porque aquí áchase a famosa fonte da Coca e tamén os restos dalgúns dos sete muíños que balizaron o río.

Parque da Xunqueira

Relativamente novo (data de 1994), é probablemente o máis utilizado polos vilagarciáns. Situado xunto ao conxunto monumental de Vistalegre, ao pé do río e a un paso do centro comercial, A Xunqueira ofrece lugares de paseo, zonas de pradería, dúas zonas de xogos infantís, algúns deles adaptados (unha de 0 a 6 anos e outra de 6 a 12) e ata pistas polideportivas (baloncesto). No verán tamén acolle concertos e actividades lúdicas de todo tipo.

Xardín del Centenario

Como o da Xunqueira, tamén ten carácter urbano, combinando superficies duras para a práctica deportiva (skate), con zonas de xardín e paseo. Debe o seu nome a que se realizou xunto ao mar, en 1988, con motivo do centenario da habilitación do porto como “de interese xeral do Estado”. Desde este xardín arrinca un paseo que, ao bordo do mar, chega ata Carril. Tamén posúe un carril bici que continúa polo porto.

Parque do Cavadelo

É, sen dúbida, o máis urbano de todos os parques municipais. Construído nos arredores dun parking e sobre un antigo recheo portuario, conecta a zona da Mariña co porto. Nel atoparemos desde canchas de baloncesto e hockey, pasando por un circuíto para patinaxe e a imprescindible zona de xogos infantís.

Praza de España / Praza de Ravella

Son dous pequenos xardíns con máis dun século de existencia. O primeiro, diante da igrexa. O segundo, ao pé da casa consistorial e con zona de parque infantil de 0 a 6 anos. Plátanos de gran porte dan sombra a uns característicos bancos de forxa e madeira pintados de cor vermella.

Parque de Mascotas: Recinto Fexdega

O parque está valado e dotado con xogos de “agility” para que os animais poidan facer exercicio. Ademais, conta cunha fonte e papeleiras para depositar as feces dos cans.

X