Portos, paseo marítimo

Vilagarcia Turismo > Vivila para coñecela > Visitar > Portos, paseo marítimo
Vivirla para conocerla, visitar

Como cidade que naceu cunha clara vocación marítima, a visita ao porto é case obrigada unha vez chegados a Vilagarcía. Desde o peirao de pasaxeiros, cuxa avenida é peonil, pode apreciarse o porto comercial en toda a súa extensión, pero tamén, cara ao norte, o porto deportivo, cos seus preto de cincocentos amarres, que o converten nun dos mellores de Galicia, e, ao fondo, as praias da Concha e Compostela e a illa de Cortegada.

Porto deportivo

O porto deportivo conta cun rechamante edificio náutico, construído en madeira e sobre o mar, que alberga un restaurante e unha das mellores terrazas da cidade. Ao seu carón, e separado só polo paseo, áchase a zona de recreo, con cervexarías, pubs e sete salas de cinema.

Paseo marítimo

Como continuación da área lúdica do porto deportivo, o visitante poderá gozar do paseo marítimo que, cunha lonxitude próxima aos dous quilómetros, une as vilas de Vilagarcía e Carril seguindo o litoral, desde a praia da Concha ata os viveiros de ameixas de Carril, pasando pola praia de Compostela.

Porto de Carril

O porto marisqueiro de Carril, situado na desembocadura do río Ulla, fronte á Illa de Cortegada, ten como base económica o cultivo do berberecho e a súa archicoñecida ameixa. A dársena serve de amparo ás pequenas embarcacións habilitadas para o marisqueo a flote, que se realiza na extensa zona de viveiros que o rodean. Carril conta, ademais, cunha lonxa destinada á poxa destes moluscos.

Porto de Vilaxoán

O porto pesqueiro de Vilaxoán acolle unha gran variedade de embarcacións dotadas de guindastres e dos aparellos necesarios para a extracción do mexillón das bateas da ría. Tamén dispón dunha lonxa propia habilitada para a poxa das capturas.

X