Castro de Alobre

Poucas veces un xacemento arqueolóxico ofrece tantas posibilidades. Castro de Alobre convida a facer unha fantástica viaxe a través do tempo: desde a cultura castrexa ao Medievo, pasando pola romanización.
Vivirla para conocerla, visitar

O Castro de  Alobre é un dos máis importantes xacementos arqueolóxicos do noroeste peninsular. Áchase na parte alta dun promontorio coñecido como O Montiño e ao pé do mar, nunha enseada ben protexida. A esta posición estratéxica une o seu carácter urbano, o que lle diferencia tamén doutros moitos xacementos característicos do final da Idade do Bronce.

O BERCE DA CIDADE

Alobre é, ademais, o berce da actual Vilagarcía de Arousa. De feito, o barrio fundacional, situado a moi curta distancia, aínda hoxe séguese a chamar O Castro. O recinto ten dous accesos principais. Un, desde a rúa Vistalegre, a través dunha escaleira e unha rampla situadas xusto despois de atravesar o arco-ponte que une o pazo e o convento de Vistalegre. E outro, desde o parque botánico Valdés Bermejo, coñecido desde antigo como O Castriño, o que inequivocamente relacionada as dúas zonas, o parque e o castro.

Alobre está actualmente en proceso de musealización, despois de varias campañas de escavación nas que se rexistraron máis de 20.000 achados, algúns de alto valor histórico, etnográfico e artístico que confirmaron, como era previsible, a importancia estratéxica e comercial deste asentamento, orixe da cidade actual. Segundo os investigadores, Alobre estivo ocupado entre os séculos I a. C. e III d. C, acadando o seu máximo apoxeo durante o imperio de Augusto e a dinastía Xullo-Claudia.

Máis de 20.000 pezas de alto valor histórico e artístico

TRES RECINTOS, TRES ALTURAS

O castro presenta ata tres recintos de diferentes alturas, ben delimitados por estruturas defensivas que, adaptándose á forma do promontorio desmontando as súas ladeiras, dificultaban o acceso ao poboado.

As escavacións revelaron un recinto superior ou coroa de forma oval e disposición lixeiramente descentrada con respecto ao conxunto do xacemento. O segundo recinto está formado por unha terraza inferior de diversa anchura que se prolonga de norte a sur, cun desnivel de catro metros.

Por fin, no sector oeste consérvase unha segunda terraza, cun desnivel similar, pero que se prolonga cara ao sur.

CALEFACCIÓN Á ROMANA

Despois dun agradable paseo, sexa accedendo desde Vistalegre, sexa desde o parque botánico, o visitante poderá adiviñar esa estrutura e observar os restos de diversas edificacións. Tamén os vestixios dun  hipocausto, isto é, o enxeñoso sistema para caldear o chan mediante o quecemento de auga que usaban os romanos en baños e termas.

Igualmente, os vestixios dun “concheiro”, un enorme depósito duns cen metros cadrados de superficie e case 80 centímetros de altura no que se acumulan restos de ameixa, mexillón, navalla e cetáceos, pero tamén ósos de vaca e outros que poderían ser de oso, o que axuda a comprender ben ás claras a vida daqueles primeiros poboadores do que, co tempo, chegaría a ser Vilagarcía de Arousa.

O hipocausto e o enorme “concheiro” son os vestixios máis singulares

Aos descubrimentos, a principios do século  XX, dun ara romana –hoxe depositada no Museo de Pontevedra- e dunha necrópole tamén romana, cunhas trinta tombas de diversa tipoloxía, as recentes escavacións sumaron ata 20.000 pezas máis.

Entre elas destacan unha  fíbula de disco, outra de tipo Alesia das que existen moi poucas similares, e outra máis para suxeitar unha armadura, e un coitelo de folla curva posiblemente de orixe gaélico, ademais de numerosas moedas de distintos emperadores romanos.

Dirección: Travesía Pablo Picasso, 2, 36600 Villagarcía de Arosa, Pontevedra

Visitas:  En calquera momento do ano. Entrada gratuíta.

 

X