Igrexa Parroquial de Carril

A igrexa de Carril está dedicada a Santiago Apóstolo e non por casualidade, tendo en conta a moi antiga relación da vila mariñeira con Compostela, da que foi o seu porto.
Vivirla para conocerla, visitar

A igrexa de Carril está dedicada a Santiago Apóstolo e non por casualidade, tendo en conta a moi antiga relación da vila mariñeira con Compostela, da que foi o seu porto. De orixe gótica, como o demostran os arcos e  nervaduras da capela das Ánimas, a traza xeral é, sen embargo, renacentista.

EN LOOR DE SANTIAGO MATAMOROS

Por crónicas da época sabemos que a principios do século XVII estaban xa avanzadas as obras, aínda que estas non se deron por rematadas ata 1666, sendo arcebispo de Santiago Juan de  Sanclemente e  Torquemada.

O templo garda certas similitudes coa colexiata de Cangas do Morrazo e coa igrexa de San Martín Pinario de Santiago, obras ambas as do mestre portugués Mateo López. Suponse que o seu equipo foi o que deseñou tamén a de Carril.

A fachada organízase ao redor de dúas grandes columnas acanaladas rematadas en pináculo. Entre estas e a porta de acceso dispóñense catro imaxes de pedra: San Clemente e unha alma do Purgatorio, á esquerda; e San Francisco e San Roque, á dereita. Sobre a porta ábrese un gran rosetón e encima deste, en relevo, a figura de Santiago Apóstolo a cabalo.

Pero non acaban aí as relacións con Compostela: o retablo maior foi traído da igrexa de San Domingo de Bonaval, en Santiago. Obra do arquitecto Domingo de Andrade, un dos principais representantes do barroco galego, chegou a Carril coincidindo coa apertura de liña do ferrocarril Santiago-Carril, a primeira de Galicia.

O seu retablo procede do templo de Santo Domingo de Bonaval, en Santiago

SAN FIDEL E AS SÚAS RELIQUIAS

Ademais, no interior do templo pódese admirar igualmente a mesa do altar que, na súa orixe, estivo na cripta da catedral de Santiago de Compostela, albergando os supostos restos do apóstolo. Cando a mesa foi regalada a Carril, ese oco na parte inferior, baixo o sagrario, foi ocupado por outras reliquias, neste caso as de San Fidel. Os restos do mártir chegaron á vila en 1817 procedentes de Italia, grazas ás xestións dun veciño de Carril. Un ano despois, o papa Pío VII concedeu indulxencia plenaria e perdón dos pecados a quen visitase devotamente a igrexa  carrilexa. Desde entón, o santo venérase na vila e é obxecto dunha festa moi popular no mes de agosto.

EVA E A SERPE

Un último aspecto a destacar na igrexa de Carril está no exterior. Trátase dun cruceiro que se acha entre os mellores exemplares de Galicia, aínda que na actualidade fáltalle a cruz superior tras un accidente. Parte dunha base de tres chanzos sobre os que se asenta o pedestal que comeza sendo cadrado para transformarse despois nunha moldura. Desta base nace o fuste: cadrado no arranque e logo de esquinas romas ata o final, nel se esculpe unha caveira por enriba da cal as figuras de Adán e Eva miran ao espectador mentres unha serpe  enroscada acosa á figura feminina.

Ao longo do fuste hai outros elementos relacionados coa Paixón, como unha coroa de espiñas, un látego, cravos e martelo e ata unha escaleira. Pendente de restauración está a cruz, que presenta a Cristo crucificado, no  anverso, e a Coroación da Virxe, no reverso.

A mesa do altar estivo antes na cripta da catedral de Santiago e albergou os restos do Apóstolo

Dirección: Rúa Extramuros, 11, 36613 Carril, Pontevedra

Teléfono: 986 50 06 72

 

X