De estilo barroco, foi construída a finais do século XVII, sobre unha capela ou igrexa cuxo orixe se descoñece. A parroquia en si é moi antiga, de feito figura nun documento de 1142 polo cal o rei Fernando VII fai confirmación da propiedade do territorio a favor do Mosteiro de San Martín Pinario, en Santiago; posesión que en, calquera caso, tiña a súa raíz nunha doazón do bispo Sisnando en 910.
A igrexa, tal e como hoxe a coñecemos, non comezou a tomar forma ata varios séculos despois. En 1566, Rodrigo de Mendoza, vilagarcián nado no pazo de Vistalegre e abade de Teverga, en Asturias, dita testamento no que deixa diñeiro para que se “reedifique e ensanche” a igrexa de Vilagarcía, xa que na existente “nin cabía todo o pobo” nin servía para desenvolver “os máis divinos oficios”.
Con todo, non sería ata case un século máis tarde cando outro insigne descendente da casa de Vistalegre, Fernando de Andrade e Soutomaior, arcebispo de Santiago, ordenou “ampliar” –esta vez si- a igrexa parroquial na que el mesmo se bautizara. Moi probablemente, as obras do templo chegaron a coincidir coas da igrexa e convento de Vistalegre, que o mesmo arcebispo mandara construír en 1642. De feito, ambos conxuntos quedaron desde entón unidos por unha ponte que salvaba as marismas, unha imaxe que se mantivo viva ata que aquelas foron desecadas e urbanizadas a finais do XIX.
A igrexa de Santa Baia é un templo austero, cunha pequena portada que encerra unha porta alintelada dentro de pilastras e un frontón partido, coroado por outro frontón curvo, que acolle un nicho coa imaxe da santa. A ambos lados, os escudos da casa de Vistalegre, de similar factura aos que figuran no pazo e o convento do mesmo nome. De cruz latina, a nave principal, de catro tramos, garda certas similitudes coa da igrexa de San Martín Pinario. Con dúas capelas laterais, unha de San Miguel e outra do Rosario, a primeira destaca polo seu conxunto escultórico e a segunda pola súa monumentalidade, que lembra á da capela do Cristo de Burgos, na catedral de Santiago, en cuxa traza se baseou a vilagarciá.
Un último aspecto a destacar é a ábsida, non só polas súas xanelas, cuxas características quedan expostas, senón polos canecillos –pequenas pezas esculpidas que sosteñen a cornixa- nos que o artista daba renda solta á súa imaxinación, como o demostra a postura cando menos pouco respectuosa que, para tratarse dun templo, adopta algunha figura.
Dirección: Praza de España, 6, 36600 Villagarcía de Arosa, Pontevedra
Web: santaeulaliadevillagarcia.es
E-mail: parroquia@santaeulaliadevillagarcia.es
Teléfono: 986 50 12 31