Intimamente relacionado co escritor Ramón María de Valle Inclán, o pazo de Rúa Nova áchase a cabalo entre as parroquias de Sobrán (Vilagarcía) e András (Vilanova). Como adoita ocorrer en tantos pazos, tamén o de Rúa Nova ten a súa orixe nos restos dunha antiga fortaleza. Iniciado no século XVI, o pazo tomou a forma que hoxe conserva a mediados do XVIII, cando Miguel de Inclán e Rosa Malvido constituíron morgado e instaláronse na Casa-Torre de Rúa Nova, onde consagraron unha capela a San Miguel.
Con planta de “L”, moi típica da arquitectura “pacega”, o pazo de Rúa Nova arrinca, no lado esquerdo, cun gran portalón ameado desde o que se accede ao xardín e á escaleira da torre. O xardín foi, noutros tempos, magnífico, aparecendo citado en publicacións que destacaban os mellores de España, polo seu romanticismo, a fonte e as estatuas en pedra dos seus fundadores, Miguel de Inclán e Rosa Malvido, el vestido co traxe diplomático e ela tocando un instrumento musical.
Tras o portalón está casa-torre, o núcleo principal do pazo. Como xa vimos no de Pardiñas, en Vilaxoán, tamén neste optouse por crear un gran balcón de pedra e varanda de ferro fundido, que se sostén cuns contundentes canzorros.
Pero se algo é particular en Rúa Nova é a capela, xa que non é unha construción exenta, senón que se integra no conxunto e, ademais, serve de nexo aos dous brazos da “L”, ata o punto de que goza da mesma cuberta que o resto do pazo. A capela, con porta de arco de medio punto, culmina cunha espadana; entre ambas disponse un nicho que acubilla a imaxe de San Miguel, aínda con restos de policromía, vencendo ao diaño. Con toda probabilidade, nesta capela e as súas inmediacións inspirouse Ramón del Valle Inclán, que en varias ocasións habitou o pazo familiar, para escribir o seu “Romance de lobos”.
Tras a capela, un terceiro corpo habitado pecha o conxunto do pazo, hoxe, como o seu xardín, bastante deteriorado. En calquera caso, a visita merece a pena polo pintoresco conxunto que crea a suma de edificacións e porque nas súas inmediacións hai dous elementos patrimoniais que merecen ser visitados.
Dirección: 36629, Rúa Maceiras, 29, 36611 Vilanova de Arousa, PO