Poucos lugares do mundo ofrecen a posibilidade de navegar practicamente en calquera época do ano. E Vilagarcía e a súa ría están entre os privilexiados. Pero, ademais, a cidade conta con instalacións deportivas e de lecer que permiten a propios e visitantes estar en forma, como Vilagarcía mesma. Un campo de golf público e a poucos quilómetros, piscinas con spa, praias de bandeira azul, montes onde practicar a caza, ríos e peiraos onde pescar, pistas de tenis de herba artificial, praias para tomar o sol, pasear e xogar… Se quere, pode.
A praia da Concha-Compostela está situada entre os centros urbanos de Vilagarcía e Carril, unidos por un paseo marítimo. A súa lonxitude é de case dous quilómetros.
O areal conta con varias duchas repartidas en distintos puntos, papeleiras, servizos públicos, fontes, quioscos e bares. A limpeza efectúase diariamente. Durante o verán, socorristas titulados exercen funcións de salvamento e vixilancia.
Esta resgardada praia, distinguida coa Bandeira Azul, é a situada máis ao sur do municipio, despois do porto de Vilaxoán. É un areal recolleito, que conta con todos os servizos e está ao pé dun paseo marítimo e unha zona de xogos infantil.
É a situada máis ao norte e, ademais, a única fluvial, en plena desembocadura do río Ulla, que é o mesmo que dicir que o comezo da Ría de Arousa, de aí a singularidade das súas augas. A praia conta con Bandeira Azul e con todos os servizos.
Ao pé da estrada do litoral entre Vilagarcía e Vilaxoán, a medio camiño dos dous portos, e situada na parroquia de Sobradelo, máis que praia é unha cala, sobre todo utilizada polos veciños do lugar, que ofrece unha visión singular da ría.
A praia canina conta cos equipamentos necesarios para que os animais corran con seguridade e comodidade. A zona atópase valada para evitar que os cans se escapen cara á estrada, conta con dúas entradas para peóns e unha fonte con auga corrente e papeleiras, ademais dunha zona de herba e bancos. Todo iso acompañado da sinalización informativa correspondente.
A Ría de Arousa é un lugar único para a práctica dos deportes náuticos durante todo o ano. De feito, as regatas forman parte da paisaxe mariña.
O porto deportivo é o máis importante da ría. Dispón de 450 prazas de amarre, edificio náutico con restaurante e área lúdica con bares, pubs e cinemas.
Vilagarcía conta cunha piscina climatizada situada no complexo polideportivo de Fontecarmoa. A instalación conta tamén con outros servizos como sala de pesas, ximnasia de mantemento ou un atractivo, por relaxante, spa ou balneario urbano, o primeiro destas características no municipio.
Se a superficie da Ría de Arousa é algo digno de coñecer, os seus fondos mariños non quedan atrás. A pesar de que o submarinismo é un deporte aínda minoritario, xa empezaron a xurdir iniciativas para popularizalo entre todos os sectores da sociedade. En Vilagarcía pódense realizar cursos de todos os niveis para iniciarse ou ben perfeccionar a práctica deste deporte.
A pesca no mar é a única modalidade deste deporte que se pode practicar no municipio de Vilagarcía. Os afeccionados teñen a posibilidade de exercitar a pesca con cana nas dársenas de Carril ou Vilaxoán, aínda que sen dúbida a opción máis atractiva é desprazarse ao interior da ría para pescar desde algunha embarcación.
A tempada de caza desenvólvese desde os meses de setembro-outubro ata xaneiro-febreiro. As primeiras semanas adoita permitirse a caza do xabaril e a continuación desenvólvese a tempada de coello e perdiz, entre outras especies. Para practicar este deporte tamén é necesario dispoñer de licenza, válida por un ano.
Vilagarcía é, xunto con outros municipios da comarca, promotora da construción do primeiro campo de golf público de Galicia. As instalacións sitúanse no Monte Castrove, no municipio de Meis e a escasa distancia do mosteiro de Armenteira. O campo consta de 18 foxos, zona de prácticas e escola de golf. Conta tamén con club social, escola e servizo de aluguer.
Os afeccionados ao tenis teñen á súa disposición catro canchas públicas, todas elas de céspede artificial, no Complexo Polideportivo de Fontecarmoa. Ademais, na cidade existe o Club de Tenis O Rial, con varios campos nos que se celebran diversas competicións ao longo do ano.
Vilagarcía e os seus arredores ofrecen numerosos atractivos para desprazarse en bicicleta. A variedade de paisaxes e a proximidade relativa a outros núcleos de poboación fai do ciclismo unha actividade ideal para practicar no tempo libre.
A oferta de cinema céntrase no Complexo Cinematográfico Gran Arousa, no porto deportivo, con sete salas. 986 565 930. Ademais, existe un Cinema Club, o Ádega, que organiza proxeccións todos os mércores no Salón García.
En honra a Miguel Ángel González Estévez, vilagarcián clave no desenvolvemento do baloncesto local. Desenvólvese durante tres días, a semana anterior a Semana a Santa, ten carácter internacional e dispútase nas categorías infantil masculina e feminina.
Pioneiro na organización de torneos internacionais de baloncesto en categorías basee, o que lle valeu diversos recoñecementos e o apadriñamento de figuras claves do basket nacional (desde adestradores a xogadores da selección española), este evento celébrase cada Semana Santa. Tras unha etapa centrada na categoría Sub-20, desde hai uns anos cinguiuse a infantil, cadete e xuvenil, masculino e feminino. Ademais da parte competitiva, tamén conta cun apartado puramente lúdico destinado aos conxuntos da categoría minibasket.
Este tríatlon por equipos e contrarreloxo único en Galicia celébrase cada segundo domingo de maio. Esta especialidade vai gañando adeptos e participantes ano tras ano: ao redor de 400 deportistas e 70 equipos compiten nun circuíto urbano. Hoxe é unha cita obrigada para os mellores triatletas galegos.
Torneo de carácter internacional organizado polo Arousa, SC, que se celebra xeralmente na segunda quincena de xuño. As mellores canteiras de España e outros países reúnense durante tres días para convivir e gozar do seu deporte favorito, pero tamén para disputar un trofeo que ano a ano vai gañando popularidade e prestixio.
O mes de maio acolle este evento organizado polo Real Club de Regatas Galicia en colaboración coa Comisión Naval de Regatas da Escola Naval de Marín. Nela participan máis de 35 embarcacións da clase cruceiro (cruceiros ORC, veteranos e barcos clásicos), realizando o percorrido Marín-Vilagarcía e viceversa.
A segunda fin de semana de xullo, o Centro Galego de Vela, con sede en Vilagarcía, acolle este evento que está considerado xa como a festa da vela lixeira da comunidade. Nel participan todas as clases desta disciplina: Optimist, Windsrurf, Láser 47, Láser radial, 4.20 e Láser estándar. A elas súmanse, dependendo do ano, outras clases convidadas como Finn, Vaurien, Snipe ou Radiocontrol.
Esta competición organizada polo Club de Natación e Salvamento Vilagarcía ten lugar durante o mes de xullo e está integrada no Circuíto Galego de Augas Abertas. Nela os participantes teñen a posibilidade de escoller entre 2.500, 1.200 e ata 250 metros, segundo as idades.
Estes dous eventos organizados polo Real Club de Regatas Galicia reúnen a máis dunha trintena de embarcacións da clase snipe. Ambas as competicións celébranse paralelamente en augas vilagarciás, durante a fin de semana seguinte ao 16 de agosto, coincidindo por tanto coas festas patronais.
Torneo internacional de baloncesto que trae a Vilagarcía, no mes de setembro e durante dous días, a algúns dos mellores equipos da ACB. Como complemento ao torneo, o Pick&Rock ofrece actividades e concursos para nenos e maiores, Dj e música en directo.
Durante o mes de setembro ten lugar este torneo internacional de xadrez que homenaxea a Adolfo Pedrido, personaxe histórico do xadrez na cidade e promotor do deporte de base durante décadas.