Esta ruta recrea o camiño que realizou Frei Martín Sarmiento en 1745 para gañar o xubileu. Un carreiro de algo máis de 170 quilómetros que percorre toda costa sur da ría de Arousa, penétrase no río Ulla e desde Padrón encamíñase cara a Santiago de Compostela.
Das 9 etapas que consta esta Ruta, a número 7 é a que corresponde a Vilagarcía de Arousa. Comeza no areal das Sinas, no termo municipal de Vilanova de Arousa, para alcanzar a continuación o porto pesqueiro de Vilaxoán, dedicado fundamental á extracción e procesado do mexillón.
Pasado o porto comercial de Vilagarcía, o parque botánico Enrique Valdés Bermejo recíbenos con especies arbóreas centenarias, procedentes dos distintos continentes e, ao seu lado, o Castro de Alobre, que nos mostra as orixes da vila.
Unha escalinata trasládanos directamente ao conxunto histórico-artístico de Vistalegre, composto por pazo, igrexa e convento. A Ruta continúa pola rúa de Castelao, a praza de Galicia e a rúa de Rey Daviña, nun trazado completamente peonil, para enlazar a continuación co porto deportivo e seguir desde aquí ata a praia de Compostela a través do paseo marítimo.
Logo chegaremos á vila mariñeira de Carril, desde onde poderemos contemplar os viveiros de ameixa e a illa de Cortegada.
En Carril termina a etapa 7 e comeza a 8, que nos conducirá, seguindo o río Ulla e pasando polos municipios de Catoira, Valga e Pontecesures, ata Padrón, onde a ruta segue xa o trazado do Camiño Portugués ata Compostela.