Ruta Histórico-Turística

Este itinerario circular e autoguiado percorre a Vilagarcía máis esencial nun paseo curto e entretido a través de 11 paradas imprescindibles perfectamente sinalizadas, que nos permiten descubrir o conxunto urbano do municipio.
Vivirla para conocerla, visitar

Este itinerario circular e autoguiado percorre a Vilagarcía máis esencial nun paseo curto e entretido a través de 11 paradas imprescindibles perfectamente sinalizadas, que nos permiten descubrir o conxunto urbano do municipio, onde cada recuncho, rúa ou praza son unha invitación ao descubrimento. Os textos e fotografías de cada un dos 14 paneis sérvennos como medio para achegarnos a cada espazo emblemático da vila e comprender o noso pasado e saborear o noso presente.

Praza Ravella – Concello

Para comezar o percorrido nada mellor que facelo na praza De Ravella, antigo “Campo de Cabuxas” e onde se realizou o primeiro ensanche da vila para acoller a Casa Consistorial proxectada polo Alcalde Francisco Ravella i Arenas. Inaugurada no ano 1891, trátase dun edificio de estilo francés. En fronte, un pequeno xardín con plátanos centenarios.

Praza Independencia

A nosa segunda parada trasládanos á praza de Independencia, espazo con gran pouso histórico. Non só porque esta foi a antiga praza do Mercado e nela estivo a picota medieval, senón porque hoxe chámase da Independencia en recordo do heroico xesto dos vilagarciáns que en 1808 foron os primeiros de Galicia en alzarse contra a invasión francesa. Unha escultura alegórica sobre unha fonte lembra aqueles feitos.

Praza de Galicia

A praza de Galicia representa o mesmo corazón do centro urbano. O que en orixe foi marisma, logo pasou a ser a praza do Reloxo, porque, en efecto, alí estaba o único que había na vila, e máis tarde, do Sol, para converterse hoxe no espazo sobre o que gravita o pulso da cidade.

Praza de España – Igrexa de Santa Eulalia de Arealonga

A escasos cen metros da anterior, aparece a praza de España, hoxe un agradable xardín de plátanos centenarios ao redor dunha gran fonte. Nesta praza álzase a principal igrexa da cidade, de estilo barroco, levantada a mediados do século XVII e dedicada a Santa Baia, patroa da cidade.

 

Pazo de Vista Alegre – Igrexa de San Cristóbal – Convento das Agustiñas

A praza de España conecta a través de cálea Arcebispo Andrade co conxunto histórico-artístico de Vistalegre, cuxas edificacións -pazo, igrexa e convento- son excelentes exemplares da arquitectura señorial dos séculos XVI e XVII.

Castro Alobre

Desde Vistalegre unha escalinata de aceiro corten achéganos ao Castro de Alobre. Este poboado representa as nosas orixes, xa que este asentamento costeiro celta, con zonas posteriormente romanizadas, foi o xerme da actual Vilagarcía. Pola relevancia dos seus achados, o castro, actualmente en proceso de musealización, é un dos máis importantes do noroeste peninsular.

 

Rúa Castelao

Baixando en liña recta desde o castro de Alobre e o conxunto de Vistalegre, penetrámonos na Rúa Castelao, unha das arterias principais da cidade, non en balde en día chegou a contar con ata tres cinemas. Hoxe aínda se conservan significativas edificacións de principios do século XX e transformouse nunha buliciosa rúa peonil repleta de comercios e terrazas.

Xardín botánico Enrique Valdés Bermejo

Este xardín, duns 12.000 metros cadrados, áchase na parte baixa do Castro de Alobre. Foi creado nos anos 30 do século XX polo duque de Terranova, con especies traídas de diversos do mundo a través do porto. Posúe unha gran riqueza botánica con especies rexistradas como exemplares únicos polo Centro de Investigacións Forestais de Lourizán.

Praza de Abastos

A praza de Abastos álzase moi próxima ao conxunto de Vistalegre e a súa edificación, a pesar das reformas, segue sendo exemplo das notables construcións da vila de principios do século XX.

O Castro

A escasos metros da anterior podemos apreciar O Castro, en orixe un pequeno barrio de pescadores, onde o fundador da vila García Caamaño, a mediados do século XV, animou aos primeiros moradores a que construísen as súas casas axudándolles con pedra, madeira, pan e viño. No Castro aínda é posible ver algunhas das vellas casas de mariñeiros, especialmente na rúa do Cristo.

Praza da Peixería

A praza da Peixería destaca por ser o primeiro gran edificio público que se creou en Vilagarcía, mesmo antes que a Casa Consistorial. Construído entre 1881 e 1883, é un belo exemplo da arquitectura de ferro de finais do século XIX. Hoxe é un centro multiusos, que acolle desde concertos e actividades culturais a festas populares ou gastronómicas.

A Mariña

Esta avenida, que arrinca precisamente da Peixería, é a viva imaxe da evolución urbanística de Vilagarcía, xa que supón a parte central da antiga Arealonga, é dicir, a franxa de terreo que se estendía desde O Castro, núcleo fundacional da cidade, ata O Ramal, que se coñecía como “cabo da vila”.

Alameda

Este espazo, tamén situado na avenida da Mariña, é un dos lugares preferidos dos vilagarciáns como lugar de encontro e de paseo, xa desde a súa creación, a mediados do século XIX. Caracterízase polos seus plátanos centenarios e os seus bancos de pedra con respaldo de forxa.

A Baldosa – Valentín Viqueira

A Ruta remata na Baldosa, rúa animada e concorrida de obrigada visita, xa que foi das primeiras peonís do municipio e un clásico en canto a viños, tapas e terrazas. O mellor fin de ruta.

X