Cincuenta semanas ten o ano e 43 eventos fixos organízanse en Vilagarcía. É dicir, practicamente un por semana. E hainos de todos os tipos e para todos os gustos: festivos, cinematográficos, artísticos, gastronómicos, folclóricos, deportivos. Varios de carácter internacional e algúns con décadas de tradición. Así pois, visite cando visite Vilagarcía, seguro que atopará algún deses acontecementos que non lle deixará indiferente. E é que aquí estamos abertos todo o ano. E, por suposto, desexando que se converta nun máis de nós.
O certame de exaltación desta especie floral, identificativa das Rías Baixas, ten lugar cada ano e de xeito rotatorio nos municipios de Vilagarcía, Pontevedra e Vigo, normalmente no mes de marzo. Na competición participan floricultores de toda Galicia, e especialmente das Rías Baixas. Paralelamente celébranse outras actividades, como un concurso e exposición fotográfica ao redor da camelia, visitas guiadas ao pazo de Rubiáns ou desfiles de moda.
Organizados pola Confraría da Segunda Estación, os actos da Semana Santa en Vilagarcía teñen catro momentos principais. O primeiro, o Domingo de Ramos, coa bendición de palmas no patio do colexio da Sagrada Familia. O segundo, o Xoves Santo, cando ás 19:30 celébrase a Cea do Señor coa participación de varias corais. Despois do “ lavatorio de pés” sae a procesión do Nazareno polas principais rúas da cidade, acompañada pola banda de música de Vilagarcía e o terzo de cornetas e tambores da Confraría. Ao final a procesión ten lugar o Santo Encontro, diante do atrio da igrexa parroquial. O terceiro acto desenvólvese o Venres Santo: pola mañá, concerto dunha coral; pola tarde, procesión do Santo Enterro. Ao finalizar ten lugar o Vía Crucis. Por fin, na noite do sábado celébrase a Vixilia Pascual, co ritual da bendición da auga e o lume.
Torneo creado en memoria de Miguel Ángel González Estévez, unha vilagarcián clave no desenvolvemento do deporte basee e especificamente do baloncesto na cidade. Desenvólvese durante tres días, na fin de semana anterior á Semana a Santa, ten carácter internacional e dispútase nas categorías infantil masculina e feminina.
Pioneiro na organización de torneos internacionais de baloncesto en categorías base, o que lle valeu diversos recoñecementos e o apadriñamento de figuras claves do basket nacional (desde adestradores a xogadores da selección española), este evento celébrase cada Semana Santa. Tras unha etapa centrada na categoría Sub-20, desde hai uns anos cinguiuse a infantil, cadete e xuvenil, masculino e feminino. Ademais da parte competitiva, tamén conta cun apartado puramente lúdico destinado aos conxuntos da categoría minibasket.
Organizadas polo club local CastroBikes, o monte Xiabre acolle dúas probas que reúnen a preto de 400 amantes da bicicleta de montaña, vindos desde Galicia, Castela-León e Portugal, fundamentalmente. A Ruta Enduro ten 25 quilómetros de lonxitude; a BTT, 40. Ambas comparten un desnivel medio acumulado de entre 1.200 e 1.400 metros, polo que esixe unha boa forma física. A de Enduro desenvólvese por un trazado de “ traileras” mentres que a de BTT faio por pistas abertas.
A Festa dos Maios celébrase o día primeiro do mes das flores. Recuperando unha tradición galega, organízase unha exhibición dos mellores maios, composicións que se fan con flores, herba, fentos, froitas e ovos como materiais máis habituais, todo iso acompañado por enxeñosas letriñas. Normalmente, celébrase na no Parque Miguel Hernández, salvo que o tempo non o permita, nese caso trasládase á Praza da Peixaría.
Este tríatlon por equipos e contrarreloxo único en Galicia celébrase cada segundo domingo de maio. Esta especialidade vai gañando adeptos e participantes ano tras ano: ao redor de 400 deportistas e 70 equipos compiten nun circuíto urbano. Hoxe é unha cita obrigada para os mellores triatletas galegos.
O mes de maio acolle este evento organizado polo Real Club de Regatas Galicia en colaboración coa Comisión Naval de Regatas da Escola Naval de Marín. Nela participan máis de 35 embarcacións da clase cruceiro (cruceiros ORC, veteranos e barcos clásicos), realizando o percorrido Marín-Vilagarcía e viceversa.
As celebracións para honrar a esta santa italiana, cuxa imaxe se venera na igrexa-convento de Vistalegre, teñen lugar o 22 de maio (festivo local) e son o punto de partida da maratón lúdico-festiva que durará ata setembro. Santa Rita de Casia goza de gran devoción entre os vilagarciáns e veciños de todo O Salnés, que recorren á “avogada dos imposibles” para que lles axude a resolver os seus problemas. As celebracións teñen marcado carácter relixioso: desde moi temperán e durante todo o día celébranse misas no templo ás que acoden centenares de fieis de toda a comarca. Pola tarde ten lugar unha multitudinaria procesión que percorre as principais rúas da vila. Unha feira celta na contorna do convento, concertos e verbenas complementan o programa.
O Ágora Vermú naceu coa idea de rescatar a tradición do século pasado de concertos matutinos da Banda de Música os domingos na rúa. Mantendo ese espírito, pero modernizado coa incorporación de diversos grupos musicais e estilos, xurdiu esta iniciativa musical que se pode gozar en distintas rúas e prazas peonís da cidade durante os meses de maio e xuño, mentres se goza dun aperitivo.